Este blog nace nun momento histórico: a corentena do coronavirus. Nun momento no que non podemos estar xuntos, este blog pretende ser un lugar de encontro e comunicación onde propoñer actividades, reflexións e propostas educativas. E no futuro, cando volvamos ao cole, ser unha ventá para as familias, que sempre estades convidadas a interactuar.
O material que compartiremos xirará ao redor de 6 apartados nos que organizaremos a información:
1. EXPERIMENTANDO
Todo o que teña que ver con Ciencias naturais e sociais.
2. LENDO
Actividades relacionadas coa lectura.
3. MANIPULANDO
Propostas matemáticas.
4. FALADOIRO
Noticias, comunicacións bidireccionais... Baseado na expresión oral.
5. PALABREANDO
Traballando a expresión escrita e os diferentes tipos textuais.
6. CREANDO
Actividades relacionadas coas Artes
A medida que publiquemos poderedes acceder aos contidos de cada apartado premendo nas pestanas que hai na parte superior.
E mentres entre todos imos dando vida a este espazo, teño algunha pregunta que facervos:
Gústavos o nome do blog? Por que creedes que o elixín ? Sabedes o que significa esta palabra? Propóñovos un reto! Tratar de explicar coas vosas palabras que significa DESAPRENDER.
Podedes buscar nun dicionario (lembrade que vos levastes o de aula) ou na internet (déixovos unha ligazón a un da Real Academia Galega na columna dereita deste blog) ou ben preguntarlle aos vosos pais, avós, tíos...Unha chamada de teléfono nestas circunstancias pode alegrar o día de calquera!
Cando teñades a vosa definición facédesma chegar a través do correo profe.graciela.seixo@gmail.com Animádevos!
Sede creativos na maneira en que a mandades! Podería ser en forma de vídeo, en forma de manualidade... Sempre sodes os mellores á hora de sorprenderme!
Xa sabedes o que sempre vos digo: "Os meus nenos sempre son os mellores de todos o colexios nos que estiven", e non é polo que eu vos ensinos, é porque son unha profe moi suertuda!
Estou a esperar ilusionada as vosas respostas. Bótovos moito de menos a todos/as! Bicos de cores da profe Graciela!
Gracias
ResponderEliminarGrazas a vos pola acollida!
ResponderEliminar